A CIG aposta por convocar folga na seguridade privada diante do bloqueo das negociacións do convenio

A central denuncia que tras 10 meses de contactos a patronal continúa a facer propostas insuficientes

Nacional -

A CIG vén de anunciar que até o vindeiro día 16 levará a cabo asembleas de traballadores/as no sector da seguridade privada nas sete comarcas galegas para darlle continuidade as mobilizacións e accións sindicais que finalmente desemboquen na convocatoria dunha folga no conxunto do país. Dende a central denuncian que tras 10 meses de negociacións para renovar o convenio colectivo estatal a patronal continúa a achegar propostas insuficientes.

O anuncio foi feito polo responsábel de negociación colectiva da CIG-Servizos, Pedro Pérez, que explicou que o sector vive un estado de tensión e indefinición pola parte empresarial que levou á ruptura dos contactos o pasado 28 de setembro. “Atopámonos cunha absoluta parálise da patronal, adiando as reunións e facendo propostas totalmemte inasumíbeis, e non querendo dar resposta á única plataforma de negociación presentada, que foi a da CIG”, indica. 

Atopámonos coa absoluta parálise da patronal, adiando as xuntanzas e facendo propostas inasumíbeis

Con todo, a patronal maioritaria do sector, Aproser, convocou a representación sindical a unha xuntanza o pasado luns 2 de outubro na que anunciou a súa disposición a retirar da mesa as propostas máis regresivas: conxelación da antigüidade, recortes no complemento por Incapacidade Temporal (IT) e novo tratamento do transporte de fondos (o que suporía a perda de empregos no sector). Ademais, achegaron unha nova oferta económica que contempla un incremento salarial do 0% para 2017; do 1,4% para 2018; e do 1,3% en 2019.

“Para a CIG isto non deixa de ser unha operación de maquillaxe que non dá resposta ás necesidades do sector, xa que nos últimos 10 anos a perda de poder adquisitivo foi do 9% en relación co IPC, con varios anos co salario conxelado, redución dos pluses de nocturnidade, festividade, que xunto cos de transporte e vestiario que eliminaron das pagas extras, todo isto evidentemente non se recupera con esta proposta”, sostén Pérez.

Recuperación de dereitos roubados

Neste senso, lembra que dende a central sempre defenderon que este convenio ten que supoñer un avance e a recuperación dos dereitos económicos e sociais roubados na última década. “En ningún caso pode significar máis do mesmo”, asegura. Polo tanto, a posición da CIG na mesa de negociación foi considerar insuficiente a proposta e manter que a única vía para lograr un convenio digno é a confrontación na rúa.

Polo tanto, a CIG levará a cabo asembleas de sector nas sete comarcas do país até o vindeiro día 16 co obxectivo de continuar as mobilizacións e accións sindicais oportunas para desembocar na convocatoria dunha folga xeral na seguridade privada galega.

Este luns 9 hai convocada unha nova xuntanza en Madrid, na que Pérez insistirá nas propostas da central. “Mais observamos que vai ser difícil que as teñan en conta porque a posición dos sindicatos estatais deixa ver un posíbel acordo que non iría no camiño que defendemos”.

Volver