O novo concurso do SAF de Monforte condena as traballadoras á precariedade

A actualización salarial recollida nos pregos é incluso inferior á que están a aplicar as empresas

Monforte -

Diante do anuncio da licitación do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Monforte, a CIG quere denunciar que as condicións establecidas nos pregos condenan á precariedade laboral as traballadoras deste servizo, considerado esencial durante a pandemia. Hai que lembrar que o contrato caducou no ano 2017 e dende entón está en situación de prórroga e cos prezos sen actualizar, malia o medre imparábel do custe da vida.

Para o responsábel da CIG de Monforte, Xosé Manoel Silva, o Goberno municipal "podería ter aproveitado este tempo para revisar a fondo as necesidades da prestación do servizo e incluso abordar coas traballadoras a introdución de cláusulas sociais nos pregos que garantan, cando menos, unhas condicións laborais e uns salarios que dignifiquen os traballos de coidados, básicos para tantos cidadás e cidadás deste municipio".

Actualización salarial miserenta

Pola contra, o Concello de Monforte mantén a precariedade absoluta do SAF e mesmo contempla unha actualización salarial por debaixo do que están a aplicar as empresas do sector. O convenio colectivo galego de axuda no fogar (que está en plena negociación) contén unha cláusula de revisión referenciada no IPC real, que a maioría das empresas non están aplicando. De feito, as compañías só subiron os salarios un 3,1-3,2%, moi lonxe do 6,5% no que rematou o IPC do ano 2021. Por este motivo, a CIG ten en marcha unha campaña de mobilizacións no sector.

"Pero o Goberno do PSOE aínda vai un paso máis alá da patronal e establece un incremento dos salarios de tan só o 2,5%. Unha suba miserenta que non chega nin para garantir o mantemento do poder adquisitivo duns salarios xa de por si cativos", critica.

A isto hai que engadir, advirte Silva, que tampouco se lle aplicará a suba correspondente pola quilometraxe, "que segue fixada en 0,19cts/km, cando debería estar xa nos 0,21 céntimos de euros por quilómetro". E por non se non fora abondo, no prego inclúese unha excepción discriminatoria para o persoal de nova incorporación, que só cobraría 0,18cts/km.

Imposibilidade de conciliar

Ademais, malia as manifestacións do alcalde a prol dos dereitos de conciliación, na práctica, as traballadoras do SAF teñen imposíbel conciliar a vida laboral e familiar, debido aos horarios de traballo discontinuos e irregulares. "A única vía para conciliar é pedir unha redución de xornada, coa conseguinte perda de salario, aínda que esta tampouco é unha opción para as que teñen xornadas parciais".

En resumen, "o que se lle segue ofrecendo ás traballadoras do SAF son baixos salarios e horarios imposíbeis, o que se traduce en cotizacións cativas, menos dereitos e pensións de miseria. Porque, en vez de garantir a calidade deste servizo público e prestar unha atención digna a quen máis o precisa a través da xestión directa, as administracións continúan coas políticas de falso aforro a conta de explotar e precarizar os traballos de coidados".

Volver